Valoriza convoca aos traballadores do servizo do lixo en Poio para negociar o convenio
Por Oskar Viéitez
Os representantes da empresa adxudicataria da limpeza e recollida de lixo en Poio, Valoriza Servicios Ambientales, convocaron para este mércores aos traballadores para negociar o convenio colectivo. Ao coñecer a noticia os representantes sindicais do persoal de Valoriza en Poio suspenderon a concentración prevista para este martes durante a celebración do pleno municipal.
Un representante da dirección da empresa Valoriza Servizos Ambientais, pertencente ao Grupo Sacyr, trasladarase desde Valladolid para asumir a negociación. Será o sexto encontro que manteñen ambas as partes.
O persoal, composto por 17 traballadores, denuncia que o servizo é deficitario e como consecuencia arrastran unha situación de precariedade laboral que incrementa o risco dos condutores dos camións.
O secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, responsabiliza ao goberno local de acordar unha adxudicación do servizo de recollida de lixo "á baixa" e por un período de 16 anos, prorrogable por dous máis.
MELLORÍA
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, asegura que despois do expediente que o Concello abriu á empresa Valoriza observouse unha melloría neste servizo.
Os últimos informes feitos pola firma auditora Into Consulting para verificar o cumprimento de contrato, revela que "as cousas están indo mellor", segundo explicou o alcalde, "pero ainda ten que mellorar na limpeza viaria".
A día de hoxe a renovación de colectores de recollida de lixo "está practicamente acabada" pois tan só faltan 50 colectores por colocar do milleiro que estaba previsto "porque aínda non llos suministraron". Ademais os dous novos camións co sistema de carga lateral e as dúas varredoras xa están a funcionar.
"O servizo respecto de como estaba antes mellorou moitísimo", constatou Sobral que trasladou o seu desexo de que a empresa alcance un acordo satisfactorio cos traballadores "e que o servizo se siga prestando nas mellores condicións".
Relacionadas:
-
Os traballadores do servizo de limpeza de Poio visibilizarán o seu conflito laboral no pleno
Por Redacción |
-
O PP denuncia que camións de lixo de Poio prestan servizo noutros municipios
Por Redacción |
-
Desbloquéase a negociación do convenio colectivo dos traballadores da recollida de lixo de Poio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os traballadores do lixo en Poio anuncian concentracións e ameazan con folga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Poio expedienta á empresa Valoriza, responsable da recollida do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Valoriza asume a limpeza e recollida de lixo en Poio con 13 traballadores e catro máis de reforzo no verán
Por Alejandro Espiño |