Os traballadores do lixo en Poio anuncian concentracións e ameazan con folga
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os representantes sindicais dos traballadores da empresa adxudicataria da limpeza e recollida de lixo en Poio, Valoriza Servcios Ambientales, romperon as negociacións do convenio colectivo despois de cinco encontros coa dirección da empresa. Na última reunión, as posturas atopábanse moi distantes xa que, segundo a versión dos representantes sindicais de UXT, a empresa contempla a conxelación dos salarios, como mínimo, ata 2017 sen garantir unha subida no futuro.
Ante esta situación, Juan Carlos Corredoira de UXT, anunciaba o inicio ao longo deste mes de concentracións ante o Concello de Poio, xa que responsabilizan ao goberno local de acordar unha adxudicación do servizo de recollida de lixo á baixa e por un período de 16 anos, prorrogable por dous máis.
Segundo denuncia Corredoira están a detectarse unha precarización do servizo ata o punto de que, durante os domingos, o condutor dos camións de lixo ten que realizar tamén os traballos de peón de recollida das bolsas. Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT, tamén solicitou ao goberno local que converse cos traballadores para saber as necesidades que teñen para realizar o seu traballo.
A adxudicación realizada polo anterior goberno local no que o responsable do servizo era o nacionalista Xulio Barreiro fíxose por unha cantidade de 750.000 euros, unha partida insuficiente segundo os responsables sindicais coa que agora se enfronta a actual concelleira socialista, Chelo Besada. A empresa xa foi expedientada por deficiencias no servizo. Sinalan que na actualidade o persoal está formada por 17 traballadores, un número ampliado pola empresa fronte aos 14 que se recollían nas bases e que ao sindicato xa lle parecían escasos para afrontar o traballo de todo o municipio.
Corredoira apuntou que, no caso de que a empresa non cambie o seu posicionamento actual, estudarán a posibilidade de iniciar unha folga de lixo.
CRÍTICAS DO PP AO GOBERNO LOCAL
O Partido Popular de Poio responsabiliza o goberno local das mobilizacións anunciadas polos traballadores da recollida do lixo e lamenta os graves prexuízos que "a irresponsabilidade do bipartito" pode acarrear para os veciños de Poio.
O voceiro do grupo popular na área de Medio Ambiente, Cándido Muíños, culpa o bipartito "polo pésimo procedemento de adxudicación".
Relacionadas:
-
Poio si terá recollida de lixo en agosto: un acordo de última hora desconvoca a folga dos traballadores
Por Redacción |
-
Os traballadores do servizo de limpeza de Poio visibilizarán o seu conflito laboral no pleno
Por Redacción |
-
Desbloquéase a negociación do convenio colectivo dos traballadores da recollida de lixo de Poio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Valoriza convoca aos traballadores do servizo do lixo en Poio para negociar o convenio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio expedienta á empresa Valoriza, responsable da recollida do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Valoriza asume a limpeza e recollida de lixo en Poio con 13 traballadores e catro máis de reforzo no verán
Por Alejandro Espiño |