Cuntis afronta melloras no parque infantil da Praza da Constitución
Por Redacción
A zona de xogos infantís da Praza da Constitución é a principal área destas características que hai no municipio de Cuntis. De aí que o Concello impulse nela unhas obras de mellora.
Nunha primeira fase, procedeuse á mellora do parque máis grande que era o que necesitaba unha maior intervención. Para ela, Cuntis contou cunha axuda da Deputación e achegáronse 11.041,07 euros.
Ademais, realizouse unha inspección técnica de ambos parques coa que se determinou as medidas a tomar en cada unha das áreas infantís.
Así, o Concello decidiu redactar a memoria técnica para a mellora da outra instalación, situada ao carón da praza de abastos e que presenta numerosas deficiencias, para a cal solicitaron unha axuda á Consellería de Presidencia.
Esta actuación, que custaría uns 50.000 euros, pretende entre outras cuestións retirar a area do perímetro do parque, colocar novos bambáns e substituír os elementos de xogo que están en mal estado, instalar céspede artificial ou mellorar a iluminación de todo o ámbito.
O prazo de execución destas obras está fixado en tres meses.