O CHOP realizou nove transplantes de medula ósea durante 2015
Por Redacción
O número de transplantes de medula ósea realizados en Galicia no ano 2015 ascendeu a 181, segundo informou este luns a Consellería de Sanidade, que cifra en preto de 2.600 os transplantes realizados desde o ano 1998, o 99 por cento a partir de células de sangue periférico.
O Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) realizou nove durante o ano pasado.
O centro que máis transplantes levou a cabo foi o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que realizou 59 transplantes, mentres que o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago fixo 45 -seis en pacientes pediátricos-, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo efectuou 44; e o Hospital Lucus Augusti e o Complexo Hospitalario de Ourense fixeron 12 cada un.
Aínda que en 2015 Galicia aumentou nun 32 por cento o número de doazóns de medula ósea, ata as 1.347, as cifras fan que a comunidade estea nunha posición inferior á media nacional.
Para as persoas interesadas en doar, Sanidade pon á súa disposición a web galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites e rexistro aos potenciais doantes.
A Xunta lembrou que na actualidade o transplante de medula ósea é un procedemento que se realiza por tres vías, en autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado.
- No primeiro pódese usar tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do paciente.
- No caso do aloxénico emparentado, non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doante dentro da súa familia que sexa compatible.
- Finalmente, prodúcese un transplante aloxénico non emparentado cando non se poden usar as células propias do paciente e non hai un doante compatible entre os seus familiares.
No ano 2008 comezouse a facer este tipo de transplante en Galicia e, ata agora, realizáronse 210 intervencións.
Relacionadas:
-
Un esforzo de 120 quilómetros pola doazón de medula
Por Redacción |
-
Os pontevedreses fixeron preto de 4.000 doazóns de sangue no 2015
Por Redacción |
-
Os galegos impulsan as doazóns de medula
Por Redacción |
-
O CHOP realizou dez trasplantes de medula ósea en Pontevedra durante 2014
Por Redacción |
-
Animan a doar médula ósea para combater a leucemia: "Se poden salvar vidas a cambio de case nada"
Por Alejandro Espiño |