O turismo en Sanxenxo "aguantou ben chaparrón" esta Semana Santa
Por Oskar Viéitez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) fixo balance da Semana Santa tras analizar as cifras ofrecidas polo sector turístico concluíndo que Sanxenxo "aguantou ben o chaparrón".
Desde o CETS recorren ao humor, conscientes de que foi unha Semana Santa, meteoroloxicamente falando, moi inestable, principalmente o venres e sábado, o que deu ao traste cun número importante de reservas.
As expectativas tampouco eran as mellores porque as previsións de mal tempo, a inestabilidade e o frío "non son os nosos mellores aliados".
Ademais, entro outros factores, están que a Semana Santa "caeu demasiado baixa no calendario", e se a isto engadímoslle a "sensación de éxito" na Semana Santa do 2015, cun clima excelente e temperaturas de verán, "todo parece aínda peor".
Con todo, non sendo estes días "de sol e praia", o encanto de Sanxenxo conquistou a miles de turistas que se desprazaron ata a capital do turismo vacacional en busca de descanso, gastronomía, enoturismo, náutica, unha gran oferta de lecer nocturno e a combinación da paisaxe e mar único no noso municipio entre outros recursos turísticos, dos que deron boa conta a cantidade de turistas que se viron o Xoves e Venres Santo pola mañá.
Se non temos en conta a porcentaxe de ocupación dos cámpings -sen dúbida os máis afectados polo mal tempo-, o aloxamento de Sanxenxo conseguiu unha cota do 65,26% de ocupación, uns 8 puntos menos que no 2015, do que se deduce un "bo estado de saúde" posto que nestas datas poden estar á venda ao redor de 7.000 prazas de aloxamento diarias en Sanxenxo.
Desde o Cets fan moito fincapé neste dato "posto que esta porcentaxe de ocupación no número de prazas á venda significan mais de 4.568 prazas regradas vendidas cada día".
De igual forma o mal tempo non axudo á hostalería e ás súas terrazas, que tan só puideron aproveitar xoves e venres pola mañá, vendo marchar todas as súas expectativas coa chegada da fronte de vento, frío e chuvioso.
Estatística de ocupación | 2016 |
HOTEIS 4 ESTRELAS | 86,42 % |
HOTEIS 3 ESTRELAS | 62,67 % |
HOTEIS 2 ESTRELAS | 63,08 % |
HOTEIS 1 ESTRELA | 48,67 % |
APARTAMENTOS | 65,47 % |
CAMPINGS | 30 % |