Cae unha banda dedicada ao tráfico de heroína na zona de Pontevedra
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional desarticularon unha banda de narcos que traficaba con drogas, principalmente heroína, entre Cataluña e Galicia. Foron arrestadas tres persoas, de nacionalidade romanesa, albanesa e italiana, e incautáronse seis quilos e medio de heroína.
As investigacións comezaron cando os axentes recibiron información sobre unha organización que distribuía droga a nivel nacional e que operaba na zona de Pontevedra. As primeiras pescudas conduciron os policías ata varios cidadáns asentados en Cataluña que ao parecer abastecían ao grupo galego de cantidades importantes de heroína. Estas persoas foron controladas durante a súa estanza en Pontevedra.
Unha vez establecido o dispositivo policial os axentes procederon á localización e detención dun vehículo en cuxo interior viaxaban dous dos tres investigados. Ao mesmo tempo realizáronse xestións en Vilagarcía para a localización do terceiro implicado que foi detido nas inmediacións dun establecemento hostaleiro da zona.
Tras estes arrestos, rexistrouse o cuarto do condutor dun dos vehículos, ademais do propio vehículo, localizando cinco paquetes de heroína de aproximadamente un quilogramo e dous paquetes de medio quilo. Ademais interviñéronse 2.190 euros en efectivo, seis teléfonos móbiles e os dous vehículos.
A investigación foi levada a cabo pola UDYCO de Pontevedra.