Máis de 360.000 euros para renovar a herba sintética do campo de fútbol da Xunqueira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O campo municipal de herba sintética A Xunqueira I construíuse en 1999. En 2005 realizouse unha renovación do céspede, pero dez anos máis tarde volve precisar unha reforma ante as deficiencias que presenta o terreo de xogo con zonas parcheadas e mal estado dalgúns panos da moqueta. Así o afirman desde o Concello de Pontevedra.
Ante esta situación, o goberno local saca a contratación o proxecto de renovación da superficie de xogo que garantan a práctica deportiva en boas condicións.
A obra saíu a contratación cun orzamento de 363.233 euros, con IVE incluído. Realizarase en dous meses e cun período de garantía dun ano. Desta forma, espérase que o campo renovado se atope en uso durante a próxima tempada.
O campo é utilizado con moita frecuencia, durante máis de 60 horas semanais entre as que se inclúen algunhas sesións preparatorias do Pontevedra C.F. e con uso deportivo de nivel amateur en categoría sénior e nivel nacional en categorías basee e precisa nivel FIFA Quality. A superficie do campo é de 111x69 metros, entre os que se inclúen as marxes das bandas e dos fondos.
A obra prevista consistirá na retirada da capa de céspede artificial instalado na actualidade e eliminar posibles irregularidades nas pendentes. Construirase unha beirarrúa perimetral ao campo, ademais de instalarse novas arquetas e unha base elástica prefabricada de tres capas. O novo céspede artificial será de última xeración testado baixo os criterios FIFA. Tamén está previsto construír unha nova varanda perimetral, colocar novas bandeiras dos córner e a substitución das porterías de fútbol 11.