Poio recuperará as pistas de tenis de Monte Baldío e mellorará os campos da Seca e A Reiboa
Por Alejandro Espiño
O Concello de Poio deseñou un ambicioso plan de obras en infraestruturas municipais para este ano. E serán principalmente tres as instalacións que verán melloradas as súas prestacións dunha forma notable, as pistas de tenis de Monte Baldío (Raxó) e os campos de fútbol da Seca e A Reiboa.
Segundo explicou a concelleira Marga Caldas, unha das prioridades do goberno municipal é recuperar a actividade tenística no municipio e facer de Raxó a referencia deste deporte, dentro do programa Poio Móvese.
Por iso, acordouse a rehabilitación das pistas de Monte Baldío, que se atopan actualmente nunhas condicións bastante precarias.
Nas últimas semanas xa se levou a cabo a impermeabilización dos vestiarios e os traballos continuarán agora coa recuperación e adecuación de todo o exterior das instalacións, de forma que sirva ademais como espazo de lecer. Tamén se actuará sobre as pistas, para deixalas nas mellores condicións posibles para a práctica do tenis.
Pola súa banda, o campo da Reiboa renovará o seu céspede artificial bastante danado polas inclemencias meteorolóxicas e o seu intensivo uso por parte dos clubs do municipio. Tamén está previsto que se amplíe a bancada e a cuberta antes de que finalice este ano.
Na Seca, pola súa banda, o Concello de Poio prevé substituír a herba natural por céspede artificial, de forma que o campo poida ter un maior uso e desafogar outras instalacións deportivas do municipio, que se atopan ao límite de ocupación.
Todo este esforzo investidor completarase cunha pequena actuación no ximnasio municipal, que verá cambiado todo o seu chan.