Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño
O uso que a Xunta de Galicia pretende dar ao seu antigo edificio administrativo en Benito Corbal chegou ao pleno municipal de marzo. Aínda que o goberno galego xa anunciou que o inmoble terá un uso público e parte do mesmo cederase á Universidade de Vigo e a colectivos sociais da cidade, a corporación aprobou por unanimidade estar "vixiante" para que se cumpran estes compromisos.
Pero a novidade, con respecto ao anunciado este fin de semana, é que o BNG -a través do seu edil Luís Bará- suxeriu a posibilidade de pedirlle á Xunta de Galicia que destine parte deste edificio a unha delegación da CRTVG na cidade de Pontevedra, pechada en novembro de 2010, deixando á de Vigo como a única na provincia.
O anuncio do goberno galego é "un paso", segundo Bará, que o Concello espera que se concrete canto antes na presentación do correspondente proxecto de remodelación do inmoble.
Pola súa banda, aínda que "non é a proposta que nos gustaría aprobar" o PSOE apoiou esta iniciativa. O seu portavoz, Agustín Fernández, preferiría unha formulación máis "ambiciosa" e que o edificio fose cedido ao Concello para que este o xestionase directamente. Pola súa banda, Luís Rei pediu que se acorde o uso que se lle dará a este espazo para as entidades sociais.
Tamén o PP votou a favor desta proposta, xa que era unha "demanda" dos veciños de Pontevedra, pero lembrou as trabas que se lle puxeron á Xunta para poder recualificar este edificio e reconvertelo en vivendas e oficinas.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, o Pleno da corporación rexeitou -cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE- unha proposta para que o Concello impulse a creación dunha biblioteca pública municipal e crease a figura das bibliotecas móbiles polas parroquias do rural; e tamén o traslado dun parque infantil en Tomeza que está situado á beira dunha torreta de alta tensión, neste caso co voto de calidade do alcalde ao haber un empate.
Anxos Riveiro, pola súa banda, informou que na próxima reunión da Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes daranse a coñecer os detalles dos pregos do novo contrato de explotación das piscinas de Campolongo, en resposta a unha pregunta de Marea Pontevedra sobre as deficiencias que existen nestas instalacións e o atraso na licitación das obras de remodelación e a súa adxudicación.
Relacionadas:
-
O BNG solicita que a delegación da radio e televisión galega volva a Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
En Marea esixe á Xunta a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra
Por Redacción |
-
O pleno aproba por unanimidade instar á Xunta a reabrir a delegación da Radio Televisión de Galicia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Instan á Xunta a que reabra a delegación da CRTVG en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha pel de aluminio e un corazón social para o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción |
-
As dúas oficinas de emprego múdanse de Eduardo Pondal a Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Só o PP ve "ataques" de Abel Caballero á capitalidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira, acusado de "machismo" por referirse a Carmela Silva como "delegada de Caballero"
Por Alejandro Espiño |
-
A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño |
-
O vindeiro luns haberá "Pleno de Paixón"
Por Redacción |