Desmantelan unha banda criminal responsable de máis de 50 roubos en vivendas de Pontevedra e A Coruña
Por Redacción
A Garda Civil detivo en Santiago de Compostela tres persoas de nacionalidade albanesa como presuntos integrantes dun grupo criminal dedicado ao roubo con forza en vivendas habitadas.
Atribúenselle polo menos 50 asaltos en 2016, repartidos entre as provincias da Coruña e Pontevedra.
Na denominada Operación Brinza, os axentes interviñeron un quilo e medio en xoias de ouro, valoradas nuns 50.000 euros, así como as ferramentas empregadas para cometer estes roubos. Ademais no rexistro da vivenda que utilizaban como domicilio, na capital galega, foron intervidos 11.000 euros en efectivo.
Este grupo criminal estaba "altamente cualificado e experimentado", e tras seleccionar as vivendas que querían asaltar "utilizaban tácticas paramilitares e realizaban numerosas contra vixilancias nos traxectos para detectar controis policiais".
Segundo explica o Instituto Armado, os detidos alugaban pisos en Santiago e A Coruña, nos que non pasaban máis de 15 días, e desde alí realizaban longos percorridos por estrada desprazándose a zonas residenciais para cometer os roubos, sendo o seu principal obxectivo a subtracción de xoias e diñeiro en efectivo.
Unha vez realizado o roubo os efectos subtraídos e as ferramentas empregadas ocultábanas en zulos situados no Monte de Granxa do Xesto, en Santiago, e abandonaban Galicia desprazándose ata Barcelona, onde posuían infraestrutura para ocultarse.
Con esta actuación, a Garda Civil dá por desmantelado a un dos grupos criminais máis activos dedicado ao roubo en vivendas habitadas.
A operación foi dirixida polo Xulgado de Instrución un de Santiago e levada a cabo por especialistas da Unidade Central Operativa na loita contra o Crime Organizado da Garda Civil (ECO Galicia), con sede en Pontevedra, conxuntamente coa Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña.