Ponte Caldelas pedirá converter en centro de día unha vivenda social sen uso
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas solicitará converter unha vivenda comunitaria para persoas con discapacidade psíquica existente no municipio, actualmente sen uso, nun centro día para persoas maiores.
Así llo trasladará o alcalde, Andrés Díaz, aos responsables do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar nunha reunión que ten previsto solicitar nos próximos días.
O rexedor propoñerá esta opción á Xunta de Galicia porque "non tería que realizarse practicamente investimento e poderíase dar un novo servizo á cidadanía cunha demanda moi importante".
O inmoble en cuestión, explica Díaz, foi rehabilitado cun custo próximo ao medio millón de euros pero "nunca tivo o uso para o que foi concibido".
A intención do goberno de Ponte Caldelas é que o demandado centro de día poida dar servizo a "residentes en municipios veciños".