As dunas de Major e Lavapanos estrearán novos accesos antes de verán
Por Redacción
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, propuxo dúas actuacións urxentes a realizar antes do comezo da tempada estival nas dunas de Sanxenxo. Reuniuse na mañá do mércores 16 coa xefa territorial de Costas en Pontevedra, Cristina de Paz Curbera, para exporlle ademais un proxecto máis ambicioso de protección dunar.
No areal de Major a duna recuperou o seu espazo orixinal invadindo o acceso entarimado construído para canalizar o fluxo de visitantes ata a praia. Coral González-Haba, propuxo á xefa provincial de Costas invalidar este acceso e habilitar unha pasarela de madeira noutro paralelo, situado a uns metros de distancia e utilizado na actualidade para o acceso da maquinaria que limpa a praia.
Os técnicos de Costas ven viable a actuación e comprometéronse a estudar con detemento a zona para proceder á súa execución antes do verán. "O que pretendemos con esta medida é deixar liberdade á duna e sobre todo protexela. Se contamos co respaldo de Costas a actual pasarela quedaría inutilizada e por tanto a duna podería recuperar o seu espazo orixinal e natural sen verse alterada pola presenza humana", explica Coral González-Haba.
Outra das accións que González-Haba expuxo a Cristina de Paz Curbera é na praia de Lavapanos, situada no centro urbano de Sanxenxo. A adversa climatoloxía danou o acceso ao areal, polo que a concelleira de Medio Ambiente pide a Costas unha actuación consistente en refacer e ampliar a rampla de acceso como medida necesaria para garantir a seguridade dos bañistas.
Coral González tamén adiantou á xefa provincial de Costas o proxecto no que está a traballar a Concellería de Medio Ambiente e que afectaría a dez praias do municipio. Trátase dun proxecto de protección dunar que busca, sobre todo, a protección destes elementos naturais, buscando para iso canalizar os accesos habilitados para que os usuarios cheguen ás praias por zonas respectuosas cos espazos dunares.