O Supremo tomba a construción de 30 chalés en Cabicastro
Por Oskar Viéitez
O proxecto urbanístico para construír 30 chalés unifamiliares e hoteis en Cabicastro seguirá paralizado durante máis tempo.
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto pola Xunta de Compensación da unidade urbanística Cabicastro-Adina.
Os propietarios destes terreos recorreran a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 6 de febreiro de 2014, que confirmou a anulación do Plan Parcial deste desenvolvemento urbanístico.
De modo que a Xunta de Compensación está obrigada a tramitar de novo o plan parcial, o proxecto de compensación e o de urbanización destes 20.630 metros cadrados destinados a un uso hoteleiro e residencial.