Os pasos do Bico de Judas e da Verónica, novidades da Semana Santa pontevedresa
Por Redacción
Xa se coñece o programa dos actos previstos para a Semana Santa de Pontevedra 2016 e nesta ocasión presenta varias novidades.
O domingo de Ramos levarase a cabo o traslado do paso da Borriquita desde a Igrexa de San Xosé ata a Praza da Ferrería, previamente á bendición e procesión de Ramos. Desta maneira recupérase un percorrido que foi utilizado durante algún ano da década dos noventa.
O xoves e o venres santo presentaranse dúas novidades ao incluír a presenza dun paso novo en cada unha das procesións. O xoves participará o do Bico de Judas e durante a procesión do venres farao a Verónica. Ambas as imaxes irán acompañadas pola Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso.
Xa durante o domingo de Resurrección está prevista outra novidade, o Encontro de Xesús Resucitado coa súa nai trasládase da praza da Peregrina á praza da Ferrería. E nesta procesión inclúese un cuarto paso, o de María Magdalena. Durante esa xornada, a organización da Semana Santa pontevedresa sinala que se modificará o percorrido de retorno da procesión cara a San Xosé. O itinerario será polas rúas Peregrina, Andrés Muruáis, praza de Galicia e praza da Constitución.