Palma ou oliveira para o Domingo de Ramos?
Botando a vista ao ceo, as vendedoras da Praza de Abastos manifestan a súa preocupación porque "se chove, a xente bótase para atrás e non vai á bendición" do Domingo de Ramos, declara unha delas. Isto supón unha diminución nas vendas de palmas e oliveiras, que tinguen de amarelo e verde as rúas pontevedresas ao paso da burra, que sairá este domingo 20 ás 12.30 desde o atrio de San Francisco.
A pesar da choiva, tanto a Praza de Abastos, como o final da rúa César Boente, xusto onde está a entrada ao aparcamento soterrado, énchense como, cada ano, de postos de venda durante o venres e o sábado previo ao Domingo de Ramos, que este ano se celebra o 20 de marzo.
Palmas traballadas, oliveiras ou puntas? O produto máis demandado para saírlle ao paso á "burriña" segue sendo a punta (palma lisa sen adornos), xa que vale practicamente para todos os públicos; ademais, "é unha das máis tradicionais en Pontevedra", declara unha dependenta do Mercado. Por outra banda, o produto menos comprado é a oliveira, reservado para o público adulto.
En canto a prezos, mantéñense estables en relación con outros anos e oscilan entre os dous euros, as denominadas "de lapela" ou "de coche", e os 12 euros que poden chegar a alcanzar as puntas máis longas. O perfil do comprador constitúeno principalmente persoas maiores, avoas e avós; aínda que tamén se aprecian nais novas que van comprar para os seus fillos.
Con este tempo marcado pola choiva, as vendedoras prevén poucas vendas, incluso mañá que, polo xeral, é o día de maior auxe. Pero, que ocorre co material que sobra? Nalgún caso, acaba por tirarse ao resultar inservible; con todo, hai quen o doa, por exemplo, aos nenos da cidade infantil Príncipe Felipe.
Relacionadas:
-
Dez vendedoras de Pontevedra participarán no mercado de palmas
Por Redacción |
-
A 'Burriña' sálvase da choiva nun concorrido arranque da Semana Santa
Por Diego Torrado |
-
Os pasos do Bico de Judas e da Verónica, novidades da Semana Santa pontevedresa
Por Redacción |
-
Comeza a Semana Santa coa lectura do pregón da man do bispo auxiliar
-
As confrarías prepáranse para a Semana Santa
Por Redacción |