As costureiras, protagonistas na IX Gala da Igualdade de Bueu
Por Redacción
O Centro de Información ás Mulleres de Bueu organiza este domingo 13 de marzo a IX Gala da Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller. Será ás 18.00 horas no Centro Social do Mar e renderá homenaxe a once mulleres costureiras da vila, quen contan as súas vivencias e experiencias nunha reportaxe audiovisual que se vai proxectar durante o acto.
De Beluso homenaxearase a Teresa González Soliño, Josefa Menduíña Pérez, María Ángeles Fariña Pérez, María del Carmen Gómez López, Angelina Otero Estévez e Josefa Molares Estévez; de Bueu, a Marina Estévez Juncal e Benita Santos Villanueva; e de Cela, a Asunción Santomé Parada e Consuelo Graña Moldes.
O documental foi gravado o 1 de marzo no primeiro andar do Museo Massó, que fora previamente preparado para a ocasión, cun escenario ateigado de mesas de coser da época, revistas de moda ou patróns que inspiraron ás costureiras a que contasen sucesos e aventuras do que foron os seus inicios.
Moitas delas comezaron sendo tan só unhas nenas, con 11 e 14 anos, e coseron moito para fóra. O oficio de coser supuxo para estas mulleres a oportunidade de formarse nun oficio, e de non ter que ir ao campo na infancia e adolescencia. Cando xa foron mulleres casadas moitas tiveron que tomar as rendas dos seus fogares, pois os seus maridos ían faenar ao mar. Por iso, xa se considera que este oficio ten máis valor, se cabe, nas vilas marítimas.