A Lama terá unha gran área recreativa en Xesta se os comuneiros ceden terreos
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, propoñerá aos comuneiros de Xesta a cesión ao Concello dos terreos que rodean o actual parque infantil co fin de poder actuar sobre eles e converter a zona nunha gran área recreativa de uso veciñal.
Segundo o proxecto que se lle presentará aos comuneiros de Xesta, a intención do alcalde é actuar na zona para dotala, ademais de parque infantil, doutro biosaudable con sete elementos de ximnasia para maiores, bancos e mesas onde poder comer ou merendar, así como a plantación, no perímetro, de árbores frondosas para que poidan proporcionar sombra ao público que se achegue ata o lugar.
Tamén se prevé a colocación dunha pérgola para que permita ter esta función así como habilitar unha zona de aparcadoiro para que poidan estacionar os vehículos das persoas que se acheguen ata esta área recreativa para gozar da paisaxe e os elementos dos que dispón.
A cesión dos terreos, por parte dos comuneiros de Xesta, é imprescindible para que o Concello da Lama poida actuar nesta zona e poder convertela na área recreativa que demandan os veciños e veciñas desta parroquia. A intención do alcalde é que os traballos sexan acometidos con fondos propios do Concello da Lama e que poidan tamén intervir na súa construción operarios municipais cualificados para este tema.
Segundo Jorge Canda, esta área recreativa "é unha petición constante dos veciños de Xesta e nós, dentro das nosas posibilidades, imos ver de poder executala, sempre e cando os comuneiros propietarios do terreo o ceda ao Concello para que podamos actuar. Esta área recreativa viría a dar resposta ás peticións dos veciños e axudaría a que este lugar tivera un maior disfrute familiar do que ten xa que está ubicado nun lugar con boas vistas e que se presta para este cometido", indicou o alcalde da Lama.