A Garda Civil imparte un curso de seguridade viaria na Brilat
Por Redacción
A disciplina e o cumprimento das ordes de marcha, fan que a sinistralidade dos militares mentres conducen vehículos do Exército, sexa case nula. Con todo, non se pode afirmar o mesmo cando conducen o vehículo particular. Neste caso contribúen ás estatísticas xerais de sinistralidade. E é por tanto unha misión esencial das Forzas Armadas, preservar a saúde dos compoñentes, tanto dentro como fóra dos acuartelamentos.
Neste sentido desenvolveuse este xoves unha xornada encamiñada a mellorar a seguridade viaria na Base Militar Xeneral Morillo na que se trataron os factores que inflúen na accidentalidade e outros temas como os grupos de risco, os dispositivos de seguridade dun vehículo, as distraccións, a somnolencia, a fatiga ou a velocidade.
Un lesionado medular, que foi vítima dun accidente de tráfico, desde a súa cadeira de rodas relatou o que supón o cambio de vida irreversible, no antes e o despois.
Tamén houbo unha sesión práctica dirixida a concienciar ao motociclista do uso do casco, e outra centrada ao segmento de poboación nova, e a súa incidencia na alcoholemia. Foi aquí onde a Garda Civil tivo o seu papel teórico-práctico á hora de proceder a explicar e realizar a proba a aqueles que o desexaron. Púidose comprobar que case a totalidade dos consellos para rebaixar a marca de taxa de alcol, non son certos e correspóndense maiormente con lendas urbanas.
Outra parte da exposición versou sobre os delitos contra a seguridade viaria e o tráfico, e as responsabilidades que se adquiren ante a comisión dos mesmos desde o punto de vista civil e militar.