A embaixadora de Costa Rica en España visita o Porto de Marín
Por Redacción
O presidente da Autoridade Portuaria recibiu este xoves no seu despacho á embaixadora de Costa Rica en España, Doris Osterlof.
Despois de deixar a súa firma no libro de honra da entidade e manter un encontro sobre as posibilidades de intercambio comercial entre Marín e o país centroamericano, a diplomática fixo un percorrido polo porto acompañada polo presidente José Benito Suárez Costa e polo director da Autoridade Portuaria para coñecer de preto as infraestruturas portuarias.
En especial, interesouse pola terminal de froita, dado que é un dos principais tráficos que vinculan Costa Rica co Porto de Marín.
Doris Osterlof puido comprobar en primeira persoa a operativa de descarga de colectores procedentes do continente americano a bordo do buque transoceánico Cap Beatrice, que arribou a porto á primeira hora desta mañá desde Porto Moin (Costa Rica).
Tamén asistiu aos labores de inspección, almacenamento e distribución de froita en Davila Reefer Terminal nunha visita guiada por Baltasar de Diego, director xeral do Grupo Davila. A froita é un tráfico para o que Marín é un porto nodal no Arco Atlántico e para o que o porto conta con certificación de calidade.
O interese da embaixadora de Costa Rica por coñecer o Porto de Marín responde á vontade de reforzar as relacións comerciais entre este enclave portuario e o país centroamericano.