Sae a licitación o servizo de axuda no fogar de Cuntis por dous anos
Por Redacción
O Concello de Cuntis sacou a licitación un novo contrato para prestar o servizo de axuda no fogar a persoas dependentes do municipio. Así se publicou este mércores no Boletín Oficial da Provincia.
A duración deste contrato é de dous anos, prorrogables por dous máis. O prezo base de licitación é de 328.536,00 euros anuais máis IVE.
O prezo unitario base máximo por hora de prestación de servizo é de 13 euros, incluídos os servizos prestados en sábados, domingos e días festivos.
O servizo de axuda no fogar, tanto na modalidade de prestación básica como na de atención a persoas en situación de dependencia valorada, ten por obxecto prestar un conxunto de atencións, desde unha perspectiva integral e normalizadora, a individuos e familias nos seus domicilios.
Son situacións nas que estas persoas teñan limitada a súa autonomía persoal por motivos de índole físico, psíquico ou social, facilitando a permanencia na súa propia contorna e mellorando a súa calidade de vida.
Entre as actuacións de carácter persoal, o contrato obriga a atender aos dependentes nas súas actividades básicas e diarias relativas á súa hixiene, alimentación ou medicación, no acompañamento para realizar xestións fose do domicilio ou nos coidados de carácter doméstico e da vivenda.
Exclúese en todo caso a atención a outros membros da familia, actuacións de carácter sanitario, a limpeza de zonas comúns do edificio, a atención a animais, o mantemento de hortas e xardíns ou actividades de mantemento da vivenda tales como pintura, electricidade ou fontanería.
As empresas interesadas poden consultar toda a información desta licitación no perfil do contratante da páxina web do Concello de Cuntis.
Terán de prazo quince días naturais para presentar as súas ofertas, a contar desde este mércores.