Os populares de Sanxenxo solicitan arranxos urxentes nas parroquias
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular presentou no rexistro municipal nove escritos reclamando ao goberno local pequenas actuacións nas parroquias.
Segundo explicaron desde o PP, trátase dunha "primeira entrega" sobre necesidades na parroquia de Nantes e nos lugares de Canelas e Areas.
Nos próximos días os populares teñen a intención de presentar máis escritos sobre "necesidades no resto de parroquias", segundo comprometeron.
Entre as actuacións que se solicitan en Nantes inclúese a mellora dunha curva en Contumil, xusto antes da ponte da vía rápida.
Ademais piden unha "solución definitiva " á acumulación de augas pluviais á altura do antigo Bar Berlín, melloras no Campo de Festas do Santo, a talla duns eucaliptos en Contumil e retirada de troncos nas marxes da estrada de Pedrouzos.
En Canelas o PP pediu por rexistro ao goberno local o arranxo do Camiño do Piñeiro, cuxo asfalto se atopa en moi malas condicións.
En Areas solicitaron unha solución ás inundacións. E, por último, na vila de Sanxenxo, o arranxo do afundimento da beirarrúa na avenida de Madrid á altura do número 55 e a reparación da varanda da praza dos Barcos.