Ponte Caldelas reivindica a igualdade coa exposición 'Muller coa cabeza e as mans'
Por Redacción
Na actualidade prodúcense aínda moitos casos nos que a diferenza entre sexos é evidente e constante, facéndose visibles no día a día de moitas mulleres. Neste contexto preséntase a exposición 'Muller coa cabeza e as mans', un claro exemplo reivindicativo do papel feminino.
O acto de presentación desta exposición, ao que acudiron membros do goberno local do Concello de Ponte Caldelas liderados polo alcalde Andrés Díaz e polos concelleiros Manuel Barreiro, do BNG, e Pilar Couto do PSdeG- PSOE, tivo lugar no Centro Cultural de Ponte Caldelas este mércores 9 de marzo, onde varias socias da organización realizaron diversas lecturas.
A actividade atoparase aberta ata o vindeiro sábado 12 de marzo ás 20:30 horas e está realizada pola Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo co obxectivo de esixir situacións de igualdade entre ambos os sexos, reivindicando a loita realizada polas mulleres ao longo da historia e as políticas de igualdade e promoción feminina.
Na súa intervención, o alcalde quixo facer referencia ás medidas que o goberno está a levar a cabo para garantir o libre acceso das mulleres ao mercado laboral a través de cursos orientados a favorecer o maior número de emprego feminino, reforzando algúns servizos de asesoramento e acompañamento en situacións difíciles co Centro de Información da Muller (CIM).
Eliminar os comportamentos sexistas e fomentar o respecto, a tolerancia e a diversidade, son algúns dos obxectivos do equipo de goberno para a mellora do futuro na sociedade.