Noite de observación astronómica en Portonovo
Por Redacción
O Instituto de Educación Secundaria de Sanxenxo, situado en Baltar, acollerá o próximo día 15 de marzo unha sesión de Todocosmos, que consistirá en dúas charlas que terán lugar entre as 17 e as 18.40 horas e posteriormente unha observación astronómica desde as 21 horas ás 23 horas.
Nesta observación telescópica poderase ver a lúa, o planeta Júpiter, a nebulosa de Orión e unha estrela dobre, nunha actividade á que está previsto que tamén acudan os pais dos alumnos e os cidadáns que o desexen.
"O Ceo de Portonovo. Xornada didáctica de observación astronómica", é o título xeral dunha actividade de Todocosmos, unha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e que está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Feycit).
Trátase dunha actividade promovida pola concellería de Medio Ambiente que ten como obxectivo achegar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes accións.