Susto en Casimiro Gómez y San Antoniño: "Primero falló el suministro, luego llegó la explosión"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Veciños e comerciantes das rúas Casimiro Gómez e San Antoniño levaron un bo susto poucos minutos antes das once da mañá deste martes. Primeiro "falló el suministro eléctrico", xusto despois "las luces empezaron a parpadear" e "logo, chegou unha explosión". Non o sabían, pero era a primeira de varias. Nos minutos seguintes houbo "dos o tres más seguidas" e aínda faltaría unha máis cando os Bombeiros de Pontevedra abriron a tapa de sumidoiro da que parecía proceder o problema. Finalmente, o susto non tivo consecuencias maiores, pero eles pasaron un mal intre.
O que conta o sucedido é un dos comerciantes da zona, Carlos Cascallar, que estaba no seu negocio cando empezou a notar os fallos e sentiu a explosión. A continuación, "todo se llenó de humo", foise por completo a subministración eléctrica nalgúns baixos e dous edificos e todos os afectados chamaron aos servizos de emerxencias, que aseguran que chegaron con gran rapidez.
En apenas uns minutos chegou a Policía Local de Pontevedra, que puido comprobar que a zona estaba segura e non había maior perigo. Tamén se desprazaron a Policía Nacional e, por precaución, os Bombeiros. Ademais, deuse aviso aos técnicos de Gas Natural Fenosa, os encargados de emendar a avaría.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, indicou que non houbo danos persoais e que se tratou, segundo as primeiras informacións, dun lume eléctrico. Ao longo da xornada deste martes, Gas Natural Fenosa tratará de solucionar a avaría para resolver os problemas de subministración eléctrica.
O despregamento de medios sorprendeu a veciños, comerciantes e transeúntes, que se apiñaron nos arredores con curiosidade sobre o sucedido. Todo procedía, segundo se puido constatar, dunha tapa de sumidoiro e baixo terra púidose producir unha sobrecarga eléctrica, aínda que as causas aínda están por determinar.
A Policía Local de Pontevedra mantivo cortada a rúa durante ao redor de media hora e varias patrullas adoptaron medidas para garantir a seguridade na zona.
Susto en Casimiro Gómez e San Antoniño pola explosión nun sumidoiro
Todo procedía, segundo se puido saber, dunha tapa de sumidoiro e baixo terra púidose producir unha sobrecarga eléctrica, aínda que as causas aínda están por determinar. A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, indicou que se tratou dun lume eléctrico e que ao longo da xornada deste martes Gas Natural Fenosa tratará de solucionar a avaría para resolver os problemas de subministración eléctrica
© Mónica Patxot