Os bombeiros liberan un condutor que quedou atrapado no seu coche ao envorcar en Vilagarcía
Por Redacción
Os servizos sanitarios de urxencia tiveron que atender este sábado unha persoa que resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado en Vilagarcía de Arousa. Trátase do condutor dun turismo que quedou atrapado no interior do coche tras envocar.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse uns minutos despois das 18.00 horas no coñecido como Camiño do Monte, cando o coche circulaba en dirección á parroquia vilagarciana de Trabanca Sardiñeira.
Por motivos que se descoñecen, o turismo envorcou e o condutor quedou atrapado. O 112 recibiu a alerta do accidente e informou aos efectivos do parque de bombeiros de Vilagarcía e aos membros do servizo municipal de emerxencias, que procederon a liberar á persoa atrapada.
Unha vez liberado, o condutor recibiu atención sanitaria por parte de Urxencias Médicas de Galicia 061.