A Deputación aproba o convenio de colaboración co Pontevedra Club de Fútbol
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra aprobou o convenio de colaboración co Pontevedra Club de Fútbol polo que a entidade provincial aportará a cantidade de cento sesenta mil euros para a tempada 2015-2016.
Este convenio enmarcase na política de apoio aos equipos máis representativos das distintas áreas deportivas da provincia de Pontevedra que desenvolve a Deputación. Tal e como manifestou a propia presidenta Carmela Silva en varias ocasións, trátase de apoiar a estes equipos que en varias disciplinas deportivas levan o nome da provincia por toda a xeografía nacional e internacional. Neste caso trátase do equipo de fútbol da capital da provincia que xoga na segunda división B da liga de fútbol nacional.
Como contrapartida á aportación económica da Deputación, o club de fútbol comprométese ademais de incluír o logotipo da institución provincial na equipaxe do primeiro equipo y a situar diversa publicidade estática no campo municipal de Pasarón.
Igualmente o equipo entregará invitacións para que os participantes das escolas deportivas dos concellos que así o soliciten, facilitándose un máximo de 15 por escola para que todas as categorías ata a xuvenil poidan acceder aos encontros que se desenvolvan no seu campo.
Estes convenios son similares aos que a Deputación vai firmar en próximas datas con outros equipos das primeiras divisións de outras disciplinas da provincia como a S.D.Teucro, Poio Fútbol Sala, Sociedad Gimnástica de Pontevedra ou o club ciclista Supermercados Froiz.
O novo goberno da Deputación de Pontevedra vén de incorporar no último pleno, outros 2,6 millóns de euros o orzamento de máis de seis millóns de euros que se tiñan consignados para o deporte no orzamento inicial. Con esta incorporación de remanentes, a corporación poderá atender unha maior implicación en materia deportiva en toda a provincia e potenciar axudas para clubs ou outras entidades.