Os bombeiros rescatan un bebé encerrado nun coche na Parda
Por Redacción
Efectivos do Corpo de Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra tiveron unha inusual intervención na mañá deste luns, o rescate dun bebé que quedara encerrado nun coche porque a porta bloqueouse coa súa nai no exterior.
Segundo informaron os Bombeiros, todo ocorreu ao redor das 13.45 horas na rúa Abundancia, na zona da Parda, na contorna do centro de saúde e a escola infantil. Unha muller chamou á Policía Local pedindo axuda porque o seu fillo estaba atrapado dentro do coche e non podía abrir a porta.
Foron alertados os bombeiros, que tiveron que romper unha das fiestras traseiras e abrir a porta para poder sacar ao bebé. Cando abriron a porta e a nai puido coller ao seu bebé, o neno, cuxos datos non transcenderon pola súa condición de menor, estaba no interior do coche en correcto estado.
Segundo transcendeu, as chaves quedaran no contacto e, ao pechar todas as portas, o coche bloqueouse, de modo que o bebé quedou dentro e a súa nai fóra sen poder abrir a porta.