Vilagarcía elixe Vilaxoán para situar a súa segunda escola infantil municipal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Xa está decidido. Vilaxoán é o lugar elixido polo Concello de Vilagarcía de Arousa para situar nel a segunda escola infantil do municipio.
A través de fondos provinciais, o goberno municipal destinará 701.480 euros na construción deste centro educativo para a escolarización de nenos de 0 a 3 anos, que se emprazará na parcela de titularidade municipal situada a carón do campo de fútbol de Vilaxoán.
O Concello dispón de prazo máximo ata o 31 de decembro de 2017 para ter executada esta obra. O proxecto será redactado por arquitectos municipais que se porán de inmediato a traballar nel co obxecto de poder licitar a obra no menor espazo posible de tempo.
En canto ao emprazamento, non existe obstáculo de ningún tipo, posto que o uso da parcela é o de equipamentos.
Con este equipamento, Vilagarcía contará con tres escolas infantís públicas, xa que ás dúas municipais se suma a que depende directamente da Xunta e que está situada en Carril. Nas actuais, volveron quedar nenos en lista de espera, por lo que o goberno municipal busca paliar este déficit de prazas no municipio.
En canto á elección de Vilaxoán, o goberno considera que é a idónea xa que, ademais de vertebrar de xeito equilibrado a oferta -a Galiña Azul en Carril, a escola infantil municipal da Lomba e agora a de Vilaxoán- e de dispor dos terreos, este centro cubrirá a demanda do amplo núcleo de poboación que suman as parroquias de San Martín de Sobrán, Sobradelo e Solobeira, que agora tiñan que desprazarse ata Vilagarcía ou Carril.
Todos estes aspectos serán expostos aos responsables da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, á que o Concello de Vilagarcía ten previsto solicitar a súa colaboración para financiar a dotación de mobiliario e equipamentos para esta escola infantil, así como para contribuír ao seu mantemento unha vez posto en marcha o servizo.