Os furanchos de Poio, en orde
Por Redacción
Os furanchos de Poio estrean unha nova normativa. Coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, entra en vigor a ordenanza que regulará a actividade destes establecementos hostaleiros tradicionais e que foi aprobada en Pleno o pasado mes de decembro.
Poderán abrir un máximo de tres meses no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de xuño. Os días laborables terán que pechar ás doce da noite, mentres que as fins de semana e festivos terán unha hora máis de marxe, ata a unha da madrugada.
O viño, procedente que viñedos que deben estar obrigatoriamente situados no municipio, terá que servirse directamente dos barrís ou cubas que obrigatoriamente teñen que estar no local, pero non embotellado. O máximo excedente que se pode vender é 0,65 litros por metro cadrado da superficie das viñas.
Poderase servir comida, sempre elixindo cinco tapas dunha lista composta por táboa de embutidos e queixos, pementos de Padrón, orella, chourizo, zorza, lombo, costela, ovos fritos, sardiñas ou xurelos á brasa, callos con garavanzos ou fabas, tortilla de patacas, empanada, empanadillas ou croquetas.
Os propios usuarios poderán levar comida xa elaborada por eles mesmos nas súas casas. Tamén se poderá utilizar grellas, sempre que o que se cociñe nelas estea na lista de produtos autorizados.
A superficie destinada ao público non poderá ser superior aos 50 metros cadrados e o aforamento, que estará ligado ao tamaño do local, non poderá exceder en todo caso as 34 persoas. Ademais, debe ser accesible e contar con aseo e aparcadoiro -neste último caso, salvo que estea situado nun núcleo urbano-.
Segundo recolle esta ordenanza, os furanchos non terán autorizada a actividade ao aire libre, salvo que conten con permiso expreso dos veciños lindeiros. Tampouco poderán usar ningún aparello reprodutor de imaxe ou son, nin instalación musical ou audiovisual.
Estes requisitos, en todo caso, poden ser suavizados por parte do Concello de Poio para as adegas tradicionais de pedra que teñan condicións arquitectónicas específicas tanto para a elaboración do viño como para a súa conservación.
O incumprimento desta ordenanza pode carrexar sancións que oscilan entre un e cincocentos euros en virtude da gravidade da infracción e poden provocar incluso o peche do establecemento.