A Deputación promove a recollida de vehículos abandonados nos concellos pequenos da provincia
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra impulsa un convenio que permitirá mellorar a recollida de vehículos abandonados e o seu posterior tratamento nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. Aínda está sen asinar, pero está previsto que se formalice nun acto público ao que estarán convidados representantes de todas as administracións participantes.
A recollida de vehículos abandonados é unha competencia propia dos concellos de acordo coa lexislación vixente, pero cabe lembrar que a Deputación ten entre os seus fins garantir a prestación integral e adecuada en todo o territorio da provincia dos servizos de competencia municipal e dar soporte aos concellos. Neste asunto, prestarase un servizo concertado.
A institución provincial enviou aos concellos unha serie de documentación na que se especifican as prescricións técnicas do servizo e os requisitos que deberán cumprir para beneficiarse desta actuación. O novo convenio terá unha duración de dous anos a partir da sinatura, prorrogable outros dous anos máis por mutuo acordo das partes.
A través deste servizo, e sen custe algún para o municipio, recolleranse e transportaranse vehículos abandonados nun prazo máximo de 5 días a contar desde o requirimento feito polo concello.