Lores reta á oposición: "Se queren gobernar, que presenten unha moción de censura"
Por Alejandro Espiño
A relación entre o BNG e os grupos da oposición empeora por momentos. E a Xunta de Portavoces deste xoves non axudou, en ningún caso, a limar asperezas senón todo o contrario. Ao seu remate, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, estalou contra a "entente" que forman PP, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos, aos que ve decididos a "torpedear" o funcionamento administrativo do concello.
Tanto que Fernández Lores retou a todos eles a que presenten unha moción de censura contra o goberno que el preside e presenten un proxecto "alternativo" liderado por un "alcalde ou alcaldesa" que acorden entre todos, ao contar cunha maioría "suficiente" para iso no pleno da corporación.
"É a única solución que vexo", sinalou, porque en caso contrario, no BNG "vamos a seguir gobernando e non iremos en contra dos nosos plantexamentos e do noso programa", dixo, independentemente do que se aprobe no Pleno, en relación entre outros á proposta para regular os lombos ou para impedir a construción da planta de compost da Canicouva.
"Imos seguir poñendo lombos e imos apostar pola compostaxe", dixo o alcalde de Pontevedra, que defendeu a súa xestión e o compromiso cos electores de executar o programa político co que os nacionalistas se presentaron ás municipais en 2015 e impedir que a oposición "goberne en contra do noso programa".
Iso é o que lle quere impedir facer, segundo a súa opinión, a oposición ao presentar continuamente mocións e iniciativas que "van contra a liña de flotación" do proxecto do BNG para Pontevedra que, lembrou, aposta por un modelo urbano e de xestión que foi referendado polas urnas hai seis meses, "logrando practicamente a maioría absoluta".
Esta "obstrución" da que falou Fernández Lores faina extensible ao funcionamento "normal" da administración, xa que o alcalde acusou aos catro partidos da oposición de encargar informes "continuamente" aos técnicos municipais que, se o goberno local accedese a iso "atascaría de forma improcedente a maquinaria municipal".
Lores lembrou que a oposición ten acceso a todos os expedientes municipais "e só teñen que miralos" e engadiu que os funcionarios do Concello "están para traballar para os cidadáns e non para facer informes á oposición".
O PSOE VE "DERIVA DE SOBERBIA" EN LORES
Ante esta formulación, avanzada na propia Xunta de Portavoces, o primeiro en pronunciarse foi o socialista Agustín Fernández que ve "deriva de soberbia" na actuación do alcalde pontevedrés e un "desgaste" no goberno municipal, ao que ve inmerso nunha "grave parálise" e que comparou en rolda de prensa como un "paciente que evoluciona francamente mal".
O portavoz do PSdeG-PSOE criticou a actitude "obstrucionista" do goberno municipal á hora de "dilatar os prazos" para que a oposición non poida presentar iniciativas para o seu debate no Pleno ou para non cumprir as mocións que se foron aprobando nos últimos meses, un feito que, segundo lamentou, demostra a actitude "insumisa" do alcalde "que anuncia que non vai a aplicar unha normativa aprobada no pleno se non lle gusta".
"Como van a cumprir os cidadáns se o primeiro que non o fai é o alcalde", concluíu Agustín Fernández.
Relacionadas:
-
A oposición obriga o goberno local a unificar os futuros lombos segundo a normativa de Fomento
Por Oskar Viéitez |
-
Agustín Fernández avisa a Lores: se non cumpre os acordos plenarios "iremos al juzgado"
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local presume de superávit e o PP critica a incapacidade para executar os orzamentos
Por Redacción |
-
O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |