As billas pontevedresas fornecen unha das augas máis saudables para consumo humano
Por Redacción
Viaqua renovou a certificación internacional ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable pola súa xestión nos abastecementos á cidade de Pontevedra, unha vez superada a auditoria externa realizada por TÜV Rheinland, empresa encargada de expedir este certificado.
Esta certificación volve recoñecer tanto a calidade da auga que se fornece á poboación, garantindo a súa salubridade e de acordo cos criterios aplicables á industria alimentaria, como todo o proceso de produción da auga urbana (captación, tratamento, almacenaxe e distribución) que vén levando a cabo Viaqua, como empresa xestora do abastecemento municipal de auga na cidade de Pontevedra.
Un recoñecemento que tamén se renova nas cidades de Santiago de Compostela e Ourense.
Para conseguir este recoñecemento a empresa concesionaria aplica os sistemas e métodos de control máis eficaces coa finalidade de lograr a inocuidade da auga ao longo das diferentes etapas do abastecemento, desde a súa captación ata a subministración aos consumidores.
O certificado ISO 22000 foise implantando nas industrias alimentarias de referencia, e comezou a introducirse tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano entre os que destaca a nivel mundial a implantación levada a cabo polo grupo no que se integra Viaqua, e que constituíu no seu día a primeira certificación en España de abastecementos, contemplado todo o ámbito da subministración.
Esta certificación internacional de seguridade alimentaria engádese ás que xa posúe Viaqua relativas á calidade ISO 9001, á de xestión ambiental ISO 14001, e á de seguridade e saúde laboral OHSAS 18001, confirmando o seu compromiso co medio ambiente e con todos os seus clientes.