Misterio resolto: así é Cándido, o autor da mensaxe nunha botella que chegou ao lugar habitado máis remoto da Terra
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Esta é unha historia que empezou a escribirse a bordo dun barco na zona das Illas Malvinas o 25 de xullo de 1999 e encara as súas últimas liñas nun piso do centro de Marín. Comezou con Cándido Juncal lanzando ao mar unha mensaxe nunha botella. Continuou o 7 de xaneiro de 2016, cando Alex Mitham, o administrador de Tristán de Acuña, localizou a botella tirada nunha praia dese arquipélago británico situado no Atlántico sur. O seguinte episodio escribiuno o 21 de xaneiro Maica Juncal, tras ler en PontevedraViva que estaban a buscar ao autor desa mensaxe e desvelar que era o seu pai. A última entrega ata o momento escribiuna esta fin de semana o propio Cándido: chegou por sorpresa á súa casa desde Namibia e, coa súa muller e a súa filla, empezou a redactar un correo electrónico co que poñerse en contacto con quen atopou a súa carta. O final desexado? "Quizáis me gustaría ir alá. Por que non?".
O misterio sobre quen é Cándido Juncal resolveuno, en parte, a súa filla Maica ao poñerlle cara facilitando fotos, pero quedaban moitas dúbidas sen responder sobre a mensaxe que chegou 16 anos e medio despois a Anchorstock, unha praia de difícil acceso na illa de Tristán de Acuña, inscrita no libro Guinness dos récords como o lugar habitado máis afastado de calquera outro lugar habitado da Terra.
Este xornal estivo con el e a súa familia no seu piso de Marín, onde chegou esta fin de semana por sorpresa, pois inicialmente a marea que o mantiña embarcado en augas de Namibia estaba previsto que durarse ata marzo. Non é sinxelo atopar respostas. Cándido é parco en palabras. Curtido en 35 anos de pesca en alta mar, en mareas de medio ano botando de menos á familia, desenvolveu o sentido da introspección e medita cada frase.
Se na botella que apareceu en Tristán de Acuña dá renda solta á súa vea literaria, en persoa mantén a reserva de quen está afeito pasar longas horas na soidade dun camarote. "O mar é unha vida dura. Dáche, por un lado, un traballo e unha satisfacción para ter a familia ben, pero, por outro, quítache media vida". E el, a un ano de xubilarse, dedicoulle xa máis da metade dos seus 56 anos de vida.
Desde Tristán de Acuña perseguen desde principios de xaneiro poñerse en contacto con el "para completar a súa encantadora historia". Nos últimos días correos electrónicos enviados desde Marín está a axudarlles a resolver as súas dúbidas. Cándido estaba aquel 25 de xullo de 1999 embarcado nun pesqueiro da compañía viguesa Irmáns Touza na zona das Illas Malvinas. Levaba en alta mar apenas unhas semanas, desde xuño, pero nesa ocasión fixéronselle eternas e sentiu morriña. "Non recordo todo", indica, pero si que meteu os seus sentimentos nunha botella de champaña baleira da marca Freixenet e lanzouna ao mar.
Non era, nin moito menos, a súa primeira botella. Lanzou "máis de cen, catro ou cinco en cada marea", desde México, Arxentina, Chile, Uruguai, Brasil, Cidade do Cabo, Dakar, as illas Malvinas e mesmo desde preto da Antártida, pero hai dous que lembra dunha forma especial e esta é unha porque "naveguei cuns amigos" e, como "galeguista convencido" que é, no Día de Galicia estrañou aínda máis a súa terra. Non esquece tampouco a última, pois lanzouna hai escasos días, desde augas de Namibia contando esta historia. "A ver se chega", confía.
Non lembra como empezou ese costume de lanzar botellas ao mar, da que os seus amigos teñen feito moitas bromas, pero si por que o fixo: "A nosa vida é un pouco solitaria, hai días que estás un pouco máis sensible ca outros e, bueno, escribes o que che ven á mente". E só falta cubrir os papeis cun plástico, usar "unha boa cortiza" e aí quedan os sentimentos, flotando no océano. No seu caso, moitos poemas e mensaxes evocando a súa estrañada Galicia.
"Cando botas algo é con idea de que salga por algún sitio", relata, sen poder conter a emoción que lle fai tremer a voz e a punto está de facerlle asomar unha bágoa. Non é moi efusivo nas súas comunicacións, pero si unha persoa sensible e emociónase con só pensar en que un deses poemas e cartas que levaron as ondas chegou a terra firme. Non lle estraña que terminase varada en Tristán de Acuña, pois "esa é unha zona de correntes que é propicia para que chegue alí todo, redes...".
Nos próximos días seguirá en contacto co responsable da web local de Tristán de Acuña e tentará axudarlle a aclarar todo o contido da mensaxe, a pesar de que lle enviou unha foto do orixinal e "hai palabras que non se ven porque están entre as arrugas. Vese que a plancharon, pero algunhas faltan". E pensa, quizais, en ir coñecer a Alex Mitham, pois "cando escribo, penso en quen a vai recibir" e, neste caso, ten a posibilidade e saber quen foi. Grazas a Breogán e o Apostol Santiago, a quen invocaba na súa mensaxe, ou, quizais, grazas só ao mar, porque, como ben lembra a súa esposa, Dolores Cabaleiro, "as cousas do mar non se poden controlar".
Relacionadas:
-
Do 'divo' Pedro Sánchez ao 'pontevedrés' do Chapecoense: as noticias sociais máis vistas do año
Por Redacción |
-
Este é Alex. El atopou a botella de Cándido no lugar habitado máis remoto da Terra
Por Natalia Puga |
-
"¡Es mi padre! ¡Encontraron una botella que mi padre tiró hace 16 años al mar!"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
De Marín ao lugar habitado máis remoto da Terra, coñeces o autor desta mensaxe nunha botella?
Por Natalia Puga |