Ultiman unha moción de censura en Cuntis: "Estamos moi preto pero aínda quedan cousas por falar"
Por Alejandro Espiño
"Estamos moi preto pero aínda quedan cousas por falar". Así resumen membros da agrupación local do PSdeG-PSOE en Cuntis o estado das negociacións para unha posible moción de censura. Aseguran que a situación do Concello, actualmente en mans do PP, é "insostenible". Creen que tanto os socialistas como os edís escindidos do BNG, "deberemos facer concesións", pero esperan que as conversacións fructifiquen "moi pronto".
Aínda que as negociacións entre o PSdeG-PSOE e os exconcelleiros do BNG, comezaron formalmente hai apenas cinco días, os contactos remóntanse a tempo atrás. ÿ Manuel Campos, secretario xeral da asemblea socialista de Cuntis, o que leva o peso dos contactos cos catro edís nacionalistas. El sería a persoa, segundo apuntan diversas fontes, o que asumiría o cargo de alcalde de prosperar esta moción de censura.
Resolveríase así un dos principais problemas para que ambas formacións cheguen a un acordo. ÿ pública e notoria a mala relación existente entre as actuais portavoces, Fátima Monteagudo e Belén Pazos, un enfrontamento que provocou a saída do BNG do goberno local no pasado mandato e a imposibilidade de chegar a un acordo tralas eleccións municipais de maio de 2011.
Segundo aseguran a PontevedraViva persoas próximas ás negociacións, a situación resolveríase apartando a ambas non só das negociacións, senón do gabinete resultante. Aínda que con matices. Mentres que non habería problema para que Fátima Monteagudo abandonase a corporación e dese paso a outro compañeiro da lista, Belén Pazos non podería facer o mesmo, xa que nese caso a súa acta de edil volvería a mans do BNG. En todo caso, insisten estas fontes, quedaríase nun segundo plano dentro do novo goberno municipal.
Todo apunta a que Manuel Campos, secretario local do PSdeG-PSOE, sería o que asumiría o cargo de alcalde de prosperar esta moción de censura
Do resultado destas negociacións están moi pendentes en Pontevedra. O PSdeG-PSOE provincial vería "con moi bos ollos" unha moción de censura que lles devolvería o bastón de mando nun concello tradicionalmente socialista. Así se expresaron públicamente os seus máximos dirixentes. O último, o seu presidente, Antón Louro. "Apoyaremos y respetaremos lo que decidan los compañeros de Cuntis, ellos harán lo que consideren mejor para Cuntis", dixo hai apenas 24 horas.
E mentres no PP mantéñense á expectativa. Saben que a súa situación no Concello de Cuntis pende dun fío. Teñen só cinco dos trece edís da corporación. Se gobernan é, precisamente, pola mala sintonía que había entre o PSdeG-PSOE e os escindidos do BNG. En todo caso, o alcalde Antonio Pena, asegura que "sigo traballando alleo aos rumores", aínda que recoñece que últimamente vese "certa sintonía" entre os exsocios de goberno.
Moito máis críticos móstranse na estrutura provincial dos populares. Recientemente o vicepresidente do PP en Pontevedra, José Manuel Figueroa, cualificaba de "injusta" esta moción de censura. "El motivo por el que no quieren al alcalde actual es porque está haciendo bien las cosas y eso le garantiza el apoyo masivo de los vecinos de Cuntis en los próximos comicios, algo que el PSOE quiere evitar a toda costa, aunque esto suponga frenar el desarrollo del municipio", dixo.
E que opina o BNG? Insisten en que se trataría dunha moción de censura "que non está lexitimada", ao entender que os catro edís que abandonaron a formación "son tránsfugas", segundo a coordinadora comarcal do BNG, Raquel López. "Non nos parecen correcto que o BNG que obtivo catro concelleiros non teña desde hai meses representación municipal porque estas persoas quedaron coas actas".
Neste sentido, Raquel López reiterou que a esixencia para que estes catro edís entreguen as súas actas "foi requirida informal e formalmente", cesión que non se produciu ata o momento. Por iso, aínda que coinciden que unha moción de censura sería necesaria "á vista da evolución que sofre Cuntis co PP no goberno", insisten en que "ten que ser o BNG o quen represente aos centos de veciños que nos votaron e non catro persoas que abandonaron o partido".