Reforzarán á Fiscalía de Pontevedra para revisar os procedementos pendentes
Por Redacción
O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiu a reunión da Xunta de Fiscais xefes provinciais e de área na que se abordaron, entre otras cuestións, as medidas de reforzo das fiscalías para a revisión das dilixencias previas pendentes nos xulgados da comunidade autónoma, como consecuencia da entrada en vigor da reforma da Lei de Axuizamento Criminal.
Dita reforma, no seu artigo 324, establece que as dilixencias de instrución se efectuarán durante o prazo máximo de seis meses salvo que o Ministerio Fiscal declare a instrución complexa, circunstancia que podería ampliar o prazo a dezaoito meses. Esta modificación, que entrou en vigor o pasado 6 de decembro, é aplicable a todos os procedementos iniciados tanto antes como despois desa data.
Co obxectivo de dar soporte aos fiscais na tarefa de revisión dos procedementos, e froito da colaboración institucional entre a Fiscalía e a Xunta de Galicia, está prevista a autorización dun programa de actuación por obxectivos para os funcionarios do Corpo de Xestión Procesal ou de Tramitación Procesal en cada unha das fiscalías provinciais ou de área.
Neste sentido, a Xunta de Fiscais acordou axilizar todos os mecanismos de coordinación coa Dirección Xeral de Xustiza para que o programa de apoio ás fiscalías se poida implementar coa máxima urxencia.
Os fiscais tamén trataron o desenvolvemento da Nova Oficina Fiscal e a implantación do programa Lexnet para facilitar a xestión electrónica dos expedientes xudiciais.
Na reunión estiveron presentes os fiscais xefes provinciais de Lugo, Roberto Brezmes, Ourense, Florentino Delgado, e Pontevedra, Juan Carlos Aladro; a teniente fiscal da Fiscalía Provincial da Coruña, María Consolación Painceira; e os fiscais xefes de área de Vigo, Susana García-Baquero, Santiago, Mario Piñeiro, e Ferrol, Román Ruíz de Alarcón.