Cea de xornalistas e o premio Laranxa para... PontevedraViva
Por Redacción
Con motivo do seu patrón, San Francisco de Sales, os xornalistas e traballadores dos medios de comunicación e de gabinetes de prensa da cidade celebraron a tradicional cea festiva no Pazo da Cultura.
O encontro, ao que asistiron máis de oitenta profesionais da comunicación, estivo amenizado pola intervención do humorista de Vilagarcía de Arousa, Carlos Blanco, que axudou a levar con máis alegría os tempos difíciles que, durante os últimos anos, atravesa esta profesión con numerosos despedimentos e peches de empresas.
E como tamén é tradicional nestas celebracións, realizouse unha votación entre os asistentes para conceder os premios Laranxa e Limón ás persoas ou entidades que máis axudaran ou complicaran os labores xornalísticos en Pontevedra.
Os compañeiros dos medios tiveron o detalle agarimoso de conceder o Premio Laranxa a PontevedraViva por "ser valentes" e comezar un proxecto novo como empresa de información nestes tempos de crise.
O Premio Limón levouno o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, debido principalmente á impuntualidade nas súas comparecencias públicas.
A cea, perfectamente organizada polos compañeiros de La Voz de Galicia, prolongouse e a festa durou ata altas horas da madrugada.