Dez razóns polas que non gusta, nin no PP, a Lei de Acuicultura
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia quere ser pioneira en regular a acuicultura na Unión Europea. O goberno de Núñez Feijóo agarda que o Parlamento aprobe a nova lei no primeiro semestre deste ano pero cada vez son máis as voces que dentro do propio Partido Popular piden a retirada deste polémico anteproxecto, elaborado sen consultar aos traballadores do mar.
Os concellos do litoral preparan mocións para esixir a retirada da norma e prepárase una manifestación en Santiago promete ser multitudinaria. Nos despachos do PP galego crece o nerviosismo ante a oposición frontal do sector do mar e a fractura nas filas populares. Lembren que este ano hai eleccións autonómicas.
Pero cales son as razóns polas que todos os sectores vencellados ao traballo no mar rexeitan enérxicamente esta lei?. Estas son as dez razóns polas que xera tanta controversia.
1. PRETENDE PRIVATIZAR AS RÍAS
A nova norma esixe rendibilidade nos bancos marisqueiros. Se non dan beneficios pódese retirar o permiso ou a concesión e sacalas a concurso por un sistema de poxa. Ao mellor ofertante. O sector marisqueiro asegura que se pretende privatizar as rías para poñelas ao servizo das grandes multinacionais.
2. PREVALECEN SOBRE O URBANISMO LOCAL
A nova lexislación confire á acuicultura o rango de interese público de primeira orde e declara de incidencia supramunicipal os plans sectoriais de ordenación deste sector, é dicir, prevalecen sobre o urbanismo local. Con esa cualificación, poderase expropiar aos titulares de terreos para instalar piscifactorías.
3. PREXUDICA ÁS ACTIVIDADES TRADICIONAIS
A lei prioriza a instalación de plantas de acuícolas sobre todo o demais, incluso desprazando ás actividades tradicionais xa implantadas.
4. FAVORECE A ACUICULTURA A ESCALA INDUSTRIAL
A lei aposta pola chamada acuicultura multitrófica integrada, un modelo industrial importado de Canadá mediante o cultivo combinado de distintas especies comerciais nunha mesma instalación. A grandes liñas consiste na integración de cultivos de peixes cos de algas, moluscos, crustáceos e outros invertebrados mariños.
5. RISCOS AMBIENTAIS
A Lei de Acuicultura autoriza todo tipo de variedades taxonómicas, mesmo foráneas ou exóticas.
6. MÁIS CONTROIS E SANCIÓNS
Endurécense os controis e as sancións. Obrígase a colocar localizadores nos barcos auxiliares para evitar prácticas irregulares. Ademais de multas económicas inclúese a perda das licenzas que teña o infractor en materia de pesca, marisqueo ou acuicultura.
7. HABERÁ QUE PAGAR UN CANON
Ao pasar de autorización a concesión administrativa os produtores terán que pagar un canon de ocupación e aproveitamento do dominio público, ademais dos tributos correspondentes á Axencia Tributaria Galega.
8. BATEAS EN MAR ABERTO E NA REDNATURA
Poderanse construír piscifactorías en Rede Natura, dado que non existe ningunha prohibición para iso, só deberá demostrarse que non hai condicións idóneas nas zonas de menor protección, tamén se permitirá a instalación de máis bateas de mexillón, agora non permitidas, así como a novos cultivos de diversas especies fóra das rías ('offshore').
9. COMPETENCIA DESLEAL
A administración poderá autorizar a produción de mexillón nas bateas de ostra. O sector entende que a lei abre unha competencia desleal e que se inmisce en competencias que son do Ministerio de Fomento, de Capitanía.
10. PERDA DE PERMEX
As autorizacións de marisqueo que pasen á acuicultura ademais de ter unha concesión temporal e o deber de producir uns rendementos mínimos, obrigará a pasar as embarcacións á cuarta lista perdendo os permex doutras actividades, unha vía máis para a extinción da pesca tradicional e o marisqueo.