A Deputación reformulará o programa de termalismo, que tivo 3.760 beneficiarios nun ano
Por Redacción
O programa de termalismo deseñado nos últimos anos pola Deputación Provincial de Pontevedra reformularase de cara a nova convocatoria. Pasará a denominarse Depotermal e, na primeira edicón da nova etapa, incidirá nos usos sociais e contará coa participación activa dos diferentes concellos da provincia.
A Deputación fixo público o balance da última edición do programa, de 2015, e indicou que durante o último ano participaron máis de 3.760 persoas, que puideron acceder a estancias de día ou con pernocta en balnearios, talasos e spas. Os usuarios, maiores de 50 anos, procedían de 38 concellos da provincia e respondían a diversos perfís sociais.
Os programas de termalismo social da Deputación de Pontevedra teñen como obxecto fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, mediante unha proposta que combina o lecer e a saúde.
Asemade, actúan como dinamizadores da economía, ao impulsar o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.