Ponte Caldelas pretende aprobar o orzamento de "maior contido social" da súa historia, de 3,7 millóns
Por Redacción
O Pleno do Concello de Ponte Caldelas debaterá o vindeiro xoves o orzamento municipal para 2016, o primeiro do novo equipo de goberno que lidera Andrés Díaz e, segundo defende este último, "o de maior contido social da historia recente do municipio". Ascenderá a 3.750.000 euros.
Segundo informou o Concello, nesas contas anuais destinarase un 25% máis ao apartado de emerxencia social, subindo a cifra ata os 20.000 euros, e haberá 40.000 euros máis ca o ano pasado no capítulo destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Un dos eixos deste orzamento é reducir a débeda do Concello de Ponte Caldelas ata situala por debaixo dos 700.000 euros a final de ano e encamiñar xa o obxectivo a catro anos que se marcou o equipo de goberno: conseguir o déficit cero nas arcas municipais sin incrementar as taxas nin os impostos.
O alcalde explicou que as contas están feitas cunha visión prudente en canto aos ingresos e moi rigurosas no referente aos gastos, facendo un exercicio de eficiencia no aproveitamento dos recursos e das posibilidades coas que conta o Concello.
O orzamento reforza o capítulo destinado a cultura e promoción turística de Ponte Caldelas que xirarán en torno a un plan cultural que terá como eixo a descentralización da actividade cultural no maior número de lugares posibles do municipio. En canto á promoción de Ponte Caldelas como destino turístico, o alcalde referiuse á partida orientada á creación do primeiro sendeiro azul ligado á primeira praia fluvial de España co distintivo europeo de Bandeira Azul, así como a unha serie de circuítos de sendeirismo entrelazados que terán como punto de partida a propia praia fluvial ou o Balneario.
Estas contas, elaboradas de xeito colectivo polos tres grupos que compoñen o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), están feitas "pensando nas persoas e nas demandas plantexadas polos veciños", de aí que teñan un claro sesgo social, para "axudar aos que máis o precisan" e potenciar políticas de mellora da calidade de vida e iniciativas culturais descentralizadas para que cheguen a todos os lugares do municipio.