Carapuchiña, a un ladrido de morrer no camión do lixo
Por Natalia Puga
A data de nacemento de Carapuchiña aínda non se puido determinar, pero si se sabe que día volveu nacer: o mércores 20 de xaneiro. Estaba dentro dunha caixa pechada no interior dun colector e, xusto cando estaba a piques de chegar o camión de recollida de lixo para baleirar o contido, foi rescatada por un voluntario de Protección Civil de Caldas de Reis.
Un veciño que acudía na noite do mércores para tirar o lixo na avenida Dolores Mosquera foi un dos seus dous anxos da garda. Cando abriu o colector para arroxar a bolsa, sentíu un pequeno xemido que saía do interior, fixouse e descubriu que saía dunha caixa de cartón pechada. Abriuna e viu que había un can no interior, pero non podía rescatalo en por si, así que solicitou a colaboración da agrupación local de Protección Civil.
Un voluntario que estaba de garda converteuse no seu segundo salvador. Logrou acceder ao colector e sacalo xusto cando estaba xa abocado a quedar eternamente rodeado de bolsas de lixo. Achegábase o camión de recollida.
O voluntario abriu a caixa e descubriu a unha cadeliña Yorkshire asustada, cunha correa e un colar, pero sen identificar. O máis similar a unha identificación que tiña eran as letras escritas a man na caixa: "O Usufructo".
En todo caso, non puido ser identificada, de modo que acabou instalada nas dependencias de Protección Civil. Alí recibiu un baño con auga termal e converteuse nun máis da familia de voluntarios. Alí atopou tamén un novo nome, pois, ante a ausencia de datos identificativos, decidiron bautizala como Carapuchiña.
O fogar, no que aos poucos vai collendo confianza fronte ao 'susto' inicial que lle facía gardar distancia coas persoas, non será definitivo. Desde Protección Civil piden axuda para localizar aos seus propietarios ou, na súa ausencia, a persoas dispostas a acollelo ou adoptalo. Carapuchiña volveu nacer, agora quere un novo fogar.