Mulleres de Marín pide acondicionar a Cámara Agraria para cursos de cociña
Por Redacción
O que no seu día foi un emprazamento ao servizo de agricultores e gandeiros, demándano a día de hoxe as mulleres. Polo menos así é en Marín, onde a Asociación de Mulleres Intercambio do Saber dirixiuse ao Concello para que a administración local acondicione o inmoble da Cámara Agraria e se poida utilizar para a celebración de cursos de convocatoria pública.
O colectivo indica que, do mesmo xeito que outras asociacións do municipio, tiveron que renunciar a solicitar a participación en cursos de cociña porque non hai ningún local municipal adecuado para a súa celebración.
No caso concreto do edificio da antiga Cámara Agraria -que dispón de cociña-, non poden utilizalo "porque non conta con saída de gases e non se fixo nada para liquidar este problema", e ademais como engaden, tampouco teñen outra alternativa, polo que se ven privadas de toda esa oferta formativa, ou obrigadas a desprazarse a outros concellos se queren facelos.