O Grove bate records de reciclaxe
Por Redacción
Os datos anuais de reciclaxe correspondentes ao ano 2015 volven situar ao municipio do Grove na primeira liña. Os veciños mecos teñen reciclado unha media de 34,3 quilos de papel e cartón por habitante o que supón tres veces máis que a media de España, que se atopa en 14,7 quilos por habitante ao ano.
No ano 2015 recolléronse 372.230 quilos, incrementando así un 6,02 % con respecto ao ano 2014.
No relativo ao vidro o incremento para o período 2013-2015 supón un 5,80 % pasando das 384,41 toneladas recollidas en 2013 ás 406,69 coas que remata o 2015. Isto sitúa a taxa de reciclaxe nos 37,48 quilos por habitante ao ano superando o ratio medio da Comunidade Autónoma que máis recicla (Illas Baleares) que chega aos 31,1 quilos por habitante ao ano.
Finalmente, en canto aos envases lixeiros (os que se recollen no colector amarelo), o ano 2015 tense producido un aumento do 0,93 % con respecto ao ano anterior, que tiña rematado cun notable incremento do 5,08 % sobre 2013. Deste xeito, no período 2013-2015 tense conseguido aumentar un 6,06 % e fai que O Grove chegue a 24,41 quilos por habitante ao ano, o que supón que duplique o ratio medio de reciclaxe deste material en España, situado en 24,41quilos por habitante ao ano (situado en 12,3).
Trátase de datos moi positivos e concrétanse en que O Grove recolleu selectivamente unha cantidade superior ás 1.043 toneladas de residuos, un 3,43 % máis que no ano anterior e un aumento do 6,25 % con respecto a 2013. A taxa final de reciclaxe por habitante e ano para o Concello do Grove chega aos 96,19 quilos. Un bo ritmo de crecemento que anima a seguir traballando neste sentido, sendo fundamental a colaboración cidadá para que o sistema manteña este bo funcionamento.