Mete tesoira sen medo!
Por Marisa Ciordia
A situación habitual entre o gremio de perruqueiros é que os clientes sexan reticentes ou moi reticentes á tesoira. Este 19 de xaneiro foi unha excepción na Academia París de Peiteado e Estética. Unha excepción, ademais, de carácter solidario cuxas beneficiarias serán mulleres que a causa do cancro e os seus tratramientos perderon o cabelo.
As e os clientes cortaron o pelo este martes por cinco euros que son doados a Mechones Solidarios; en caso de ter unha melena cunha largura de máis de 20 centímetros, a trenza dóase á mesma ONG xurdida hai algo máis de dous anos. Coas doazóns elaboraranse perrucas para aquelas persoas con dificultades económicas que as poidan precisar.
José Luis Bouzas, director da Academia París, tivo coñecemento da ONG por televisión. Buscou información pola internet e contactou con Mechones Solidarios para colaborar tamén coas súas iniciativas. Esta é a primeira, pero non será a última; xa pensa nunha próxima ocasión de cortes e doazón de cabelo solidarias en plena rúa, como se fixo noutras cidades españolas.
Nesta primeira ocasión, a resposta non foi masiva; pero houbo algunha situación curiosa: "hai quen me chamou para dicirme que no seu momento cortaron a melena e gardaban a trenza. Co paso do tempo ese recordo xa non ten tanto valor, pero viron que si pode ser valioso para persoas que por enfermidade perderon o pelo e van doala", explica José Luis. Así que aínda están a tempo de ter outro destino esas pezas que pasaron pola tesoira no seu momento. Doutra parte, produciuse algunha situación máis dolorosa: "unha moza moi emocionada cortouse un guecho porque a súa nai, recentemente, pasara por esta enfermidade". É o que ten esta realidade indefinida cun inmumerable listado de nomes propios.
A maioría das clientas que pasaron pola Academia París este martes 19 son mulleres con idades entre os 25 e 40 anos. Neste perfil atópanse dúas das doantes da xornada. Paqui García de Dios decatouse da iniciativa por Facebook: "non mo pensei nin vinte segundos", apunta e engade que na súa contorna familiar hai quen se viu afectada pola tesitura, así que esta vez non tivo preguiza ningunha para ir á Academia. Unha vez sentada fronte ao espello, anima á perruqueira: "curta, curta sen medo!", e a segunda responde riseira: "hoxe están xenerosas!". Xusta nos 20 centímetros de pelo trenzado, tras a tesoira comeza o "cambio de look".
Paula Silva, tamén soubo da convocatoria por Facebook e igualmente afirma que non lle custou nada decidirse: "tiña ganas de cortarme o pelo, e xa que non podo doar sangue, pois doo o cabelo para quen poida valer. Hoxe xa pensei, se fai falta mesmo mo rapo que despois xa crecerá" afirma convencida. Mentres lles lavan a cabeza, ambas chancean, pero cun fondo totalmente altruísta, doar todos os seus órganos para quen, dado o momento, póidaos necesitar.
A cota masculina desta clientela solidaria atopámola en Pedro Campos e Segundo Alvarez. Ningún frecuenta a Academia, pero uno e outro tras ter coñecemento do corte solidario non o dubidaron, tocaba corte de pelo para colaborar coas persoas enfermas de cancro. Chancean tamén, ningún dos dous ten posibilidade de doar cabelo; pero o que deixen hoxe tras o paso da tesoira, sobraba por unha boa causa.