Lombo vai, lombo vén polas estradas da provincia
Por Natalia Puga
"Lombo va, lombo viene", chanceou este martes o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera. Acababa de anunciar, en compañía do deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, a posta en marcha dun plan que supoñerá a implantación en vías de toda a provincia de medidas de acougado do tráfico como a limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora, a creación de redutores físicos da velocidade ou a instalación de pasos de peóns sobreelevados, os coñecidos 'lombos'.
O plan, bautizado como Movese (Mobilidade e Velocidade Segura) ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais, pero non ten delimitadas de momento as vías nas que se actuará, pois serán os propios concellos os que elixan cales serán. Para poder facelo, a Deputación deulles un prazo de 15 días aos distintos municipios para que lles envíen a súa lista de lugares nos que se fai máis necesario actuar.
As obras serán financiadas ao 100% pola Deputación, pero os concellos colaborarán trasladando á institución provincial as necesidades das vías, pois en Pontevedra hai 377 estradas provinciais que percorren un total de 1.700 quilómetros e os técnicos, policías e concelleiros de cada localidade coñécenas máis ao detalle. De feito, algúns alcaldes como os de Cerdedo e Catoira xa lles pediron que actúen en todas as vías provinciais que pasan polas súas concellos.
As previsións que se manexan é que as actuacións poidan licitarse e executarse ao longo de presente ano, aínda que o plan terá continuidade nas dúas próximas anualidades. Mosquera e Benítez enmárcano nunha filosofía xeral da Deputación de dar un "impulso serio e potente á mellora da mobilidade nas estradas provinciais".
Mosquera insiste na necesidade de aplicar esta medidas de acougado do tráfico porque todas as vías provinciais excepto dúas transcorren por núcleos de poboación ou zonas de paso peonil e quixo lembrar que a Deputación foi no seu día a primeira institución de Pontevedra en instalar 'lombos'. Sobre a similitude desta medidas coas que el mesmo impulsou no concello da capital como concelleiro, recoñeceu que si se bebeu desa experiencia e xustificouno asegurando que "se hai algo que funciona, haberá que usalo".
Benítez asegurou que a instalación de 'lombos' e outras medidas de acougado do tráfico ten "bastante demanda" na provincia e explicou que responde a unha filosofía global en que "o que cambiamos é a escala de prioridades" nas vías provinciais, pois a prioridade non é "chegar de tal punto a tal punto 30 segundos antes", senón facelo de modo máis seguro e garantindo a seguridade de colectivos máis vulnerables como os peóns. "Mobilidade peonil por riba de mobilidade motorizada", defendeu.
Relacionadas:
-
A Deputación, exemplo en mobilidade sustentable para Tráfico
Por Alejandro Espiño |
-
A Lama solicita a inclusión de seis actuacións no Plan Móvese da Deputacion
Por Redacción |
-
Os concellos da provincia solicitan máis de mil lombos á Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación asumirá o papel de ser o referente das cidades amigas dos nenos
Por Mónica Patxot |