Louzán quere manter a esperanza sobre a permanencia de Cuca en Vilagarcía
Por Redacción
O comité de empresa de Cuca solicitou unha reunión co presidente da Deputación para o próximo luns 28. Aí expoñeranlle a súa loita para evitar o traslado da planta de Vilaxoán ao Grove. Rafael Louzán referíase esta mañá a esa cita afirmando que "pedíronma os traballadores".
O presidente provincial quixo "solidarizarme con esa comarca que está sufrindo xa que moitas empresas están pechando a súa actividade". E sinalou en referencia a Tomás Fole que "o alcalde de Vilagarcía trasladoume a visión da situación actual e eu xa falei co conselleiro de Economía".
Rafael Louzán indicou que se trata de "unha decisión unilateral da propia empresa" apuntando cara á dirección de Garavilla que manifestou reiteradamente a súa decisión de trasladar a nave de Cuca de Vilaxoán ao Grove. Louzán concluíu: "A ver que nos traslada o comité de empresa. Houbo situacións en que a presión social logrou froitos e eles teñen ilusión por seguir facendo ese labor".
Pola súa banda, as traballadoras de Cuca iniciaron onte á noite as gardas nocturnas para evitar o traslado da maquinaria da planta tras o intento por parte dun camión guindastre de retirar maquinaria cara á nave do Grove.
Ademais, Rafael Louzán sinalou que a próxima semana tamén se reunirá con traballadores da empresa de produtos lácteos Celga, situada no Polígono da Ran de Cuntis, porque "están tamén a pasar un momento delicado".