Sen casa, pero con pasta
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Dez anos despois de comprar as súas vivendas na rúa Camposanto, na zona da Parda, 21 familias quedarán agora sen os seus pisos, pero recuperarán todo o diñeiro pagado e recibirán unha indemnización polos danos e prexuízos que lles causou a situación. Os 21 gañaron unha batalla xudicial que libraban contra a promotora pontevedresa UA 14, SL pola situación na que se atopaban as súas propiedades, que nunca chegaron a obter licenza de primeira ocupación e o Concello de Pontevedra declarou fóra de ordenación.
A batalla xudicial resolveuna a Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra nunha sentenza notificada este mércores ás partes que obriga á promotora a devolver aos compradores todo o diñeiro que lles pagaron polos pisos e prazas de garaxe, a indemnizalos cun total de 526.426,60 euros e a devolverlles o IVE e os intereses desde a data na que se presentou a demanda xudicial.
A sentenza declara, en concreto, a resolución dos contratos de compravenda dos inmobles, que están situados no edificio Aldebarán da rúa Camposanto. Os demandantes adquiriron as vivendas no ano 2006 e ocúpanas desde entón, pero, tras o fallo xudicial, devolveranllas á promotora.
Os compradores dos pisos do edificio Aldebarán gañan a batalla xudicial á promotora e devolverálles os cartos que pagaron
Tras coñecerse a sentenza, o avogado dos compradores das vivendas, Jaime Olmedo Suárez-Vence, valorou positivamente a resolución xudicial, que dá a razón aos seus clientes porque o inmoble non conta coa licenza de primeira ocupación que a promotora estaba obrigada a obter. Destaca que a situación lles causou "un grave trastorno" e que a propia sentenza lles recoñece unha "paciencia infinita" mentres esperaban a licenza de primeira ocupación que non se chegou a conceder.
O edificio non tiña licenza de primeira ocupación porque a altura interior das vivendas é inferior á mínima regulamentaria e o Concello de Pontevedra tomou a decisión de deixalo fóra de ordenación porque a promotora non realizou as obras de adaptación á licenza de obras. A decisión municipal non supuxo sancionar á promotora, pero si se deixou caducar o expediente de reposición da legalidade.
A Audiencia Provincial aplica nesta sentenza a recente xurisprudencia do Tribunal Supremo a contratos de compravenda formalizados nos anos 2006 e 2007 e considera que o tempo transcorrido non é obstáculo para a estimación da demanda. Así, determina que a entrega física da vivenda non basta para dar por cumprido o contrato, senón que non se considera que a promotora cumpre coas súas obrigacións contractuais mentres o inmoble carece de licenza de primeira ocupación e necesita dunha legalización urbanística.
Neste procedemento xudicial o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra desestimara inicialmente as pretensións dos veciños ao considerar que, cando compraron as súas vivendas, xa sabían que non tiña licenza de primeira ocupación ou "debeu selo" e que, en todo caso, a falta de licenza non impide nin desenvolver na vivenda as actividades propias da vida ordinaria nin fan a vida "dificultosa, desagradable ou imposible". Engadía aquel documento que o razoable é entender que ao declararse o edificio fóra de ordenación, o comprador conservará o comprado sen outra diminución que a que resulte da limitación de non poder facer máis que obras de mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso, pero non impedirá o pacífico uso da vivenda.
Fronte a aquel fallo, os propietarios apelaron no recurso que finalmente lles deu a razón na Audiencia argumentando que os promotores lles dixeron en todo momento que conseguirían a licenza de primeira ocupación e había un pacto no que se comprometían a obtela.