Un estudante pontevedrés deseña un ergómetro que simula o adestramento cunha piragua no mar
Por Redacción
Campión de Europa de salvamento deportivo nas modalidades de sprint e bandeiras, o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Javier Carballo atopou nas súas propias dificultades para adestrar no mar, nos días de mal tempo, noutra das modalidades desta disciplina deportiva, a carreira con ski, o punto de partida do traballo que o levou a deseñar un prototipo de ergómetro co que reproducir en terra as condicións do adestramento que realiza a bordo dunha piragua.
Segundo declara ao xornalista Eduardo Muñiz, nunha entrevista que publica o Diario da Universidade de Vigo, "a idea era ter un aparato que me permitise simular as sensacións que tes remando no mar", sinala este alumno do prototipo que construíu para o seu traballo de fin de grao e ao que posteriormente foi engadindo novos sensores e elementos coa idea de que proporcione ao deportista máis información da que pode obter nos simuladores de remo habituais, ao tempo que continúa traballando no seu desenvolvemento coa idea de "validalo como unha ferramenta científica e de rendemento".
“Agora mesmo está orientado ao ski de salvamento deportivo, pero a idea é que con pequenas modificacións poida empregarse para calquera tipo de deporte acuático”, sinala Carballo dun prototipo de baixo custe ao que dotou dun carro oscilante e deslizante, que aproxima ao deportista ás sensacións que viviría sobre unha piragua no mar, así como de dúas aspas de resistencia que permiten coñecer a forza, velocidade e o espazo percorrido cos golpes de pa dados con cada brazo.