Tonucci quere que a filosofía de cidade amiga dos nenos se estenda de Pontevedra a toda a provincia
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra ten sobre a mesa un proxecto que, de chegar a bo porto, suporía estender a filosofía de cidade amiga dos nenos que está xa en marcha na capital o resto da provincia. Segundo informou o organismo, están estudando a posibilidade de impulsar unha rede de cidades e vilas amigas dos nenos seguindo as liñas do investigador italiano Francesco Tonucci.
O propio Tonucci propuxo crear esta rede ao vicepresidente provincial, César Mosquera, durante a súa recente participación no congreso de Roma 'Autonomía é saúde. A autonomía do movemento de nenas e nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e para a cidade', onde o tamén edil de Pontevedra explicou o seu desexo que o modelo da capital sexa exemplo para toda a provincia.
Segundo informou a Deputación, está previsto que se realice unha reunión informativa co fin de pulsar o sentir dos rexedores da provincia e ver o seu interese de formar parte da rede de cidades amigas dos nenos. A partir de aí habería que traballar en consecuencia de forma transversal en tódolos departamentos municipais. Segundo a Fundación italiana, "a adhesión das cidades ao proxecto deriva persoalmente de cada alcalde e confírmase mediante un acordo do consello municipal.
De chegar a poñerse en marcha, a rede de cidades amigas dos nenos de Pontevedra uniríase a moitas outras cidades italianas, europeas e americanas que xa forman parte dese conxunto de cidades accesibles e amables recoñecidas pola Fundación de Francesco Tonucci.
Segundo explicou Mosquera, a Deputación considera que a filosofía de Tonucci entronca perfectamente co que a Deputación quere desenvolver na provincia para conseguir que as cidades e vilas melloren co fin de ser cómodas, amables, seguras e accesibles, garantindo a mobilidade de todos os sectores e non só dos vehículos, especialmente dos nenos (cuestión que xa se recolle no decálogo de actuación nas vías provinciais remitido recentemente aos alcaldes).
Neste sentido, o vicepresidente destaca que cada vila ten que decidir se traballa para que o seu espazo público se converta nun espazo de autonomía infantil ou traballa con outros horizontes e prioridades.