As uvas ás doce do mediodía e unha verbena nocturna, oferta en Ponte Caldelas para Fin de Ano
Por Redacción
Ponte Caldelas xa ten todo preparado para despedir o ano dun xeito moi particular. Por unha banda, coas tradicionais badaladas do reloxo do Centro Cultural, ás doce do mediodía, onde os rapaces animados polas responsables da ludoteca municipal degustarán as 12 uvas da sorte. Pola noite, a partir da 1 da madrugada, os pontecaldeláns celebrarán a chegada do 2016 a ritmo da orquestra Triunfo que actuará baixo unha gran carpa instalada na Alameda.
Nas últimas horas, o reloxeiro Enrique Lafuente puxo a punto o centenario reloxo do Centro Cultural para que sexa puntual á súa cita cos máis cativos de Ponte Caldelas e o público en xeral para comer as 12 uvas da sorte de xeito anticipado ás doce do mediodía.
Unha hora antes, as educadoras da ludoteca municipal realizarán varios xogos de participación cos cativos.
Ademais, coa intención de iniciar con alegría e bo pé o ano 2016 o Concello de Ponte Caldelas chegou un acordo coa orquestra Triunfo para que desde a unha da mañá, e ata altas horas da madrugada, protagonizara unha actuación estelar na Alameda co fin de animar o inicio do ano e dinamizar, por primeira vez en moitísimos anos, o centro da vila con motivo desta celebración.
A intención do equipo de goberno é "recuperar a ilusión cidadá e volver a poñer a Ponte Caldelas no mapa da diversión e no punto de atracción dos concellos limítrofes, promovendo un lecer activo e responsable onde a diversión e a boa convivencia veciñal sexan o fío condutor das persoas que vaian a pasar un bo rato a Ponte Caldelas".