En marcha unha operación contra o narcotráfico no Salnés: detido un veciño de Vilanova
Por Redacción
Novo golpe ao narcotráfico na comarca do Salnés. Axentes da Garda Civil detiveron este domingo un veciño de Vilanova de Arousa, que xa fora condenado anteriormente por tráfico de drogas, nun operativo policial que se está desenvolvendo desde a pasada madrugada en diferentes localidades galegas e que, segundo fontes da investigación, aínda permanece aberto.
Nun dos rexistros realizados, na vivenda que o detido ten en San Miguel de Deiro (Vilanova de Arousa), os axentes terían atopado unha cantidade aínda indeterminada de droga. Durante esta inspección, o home sentiuse indisposto e tivo que ser desprazado a un centro sanitario.
Este home, natural de Cambados, é considerado polos investigadores como o líder dunha rede de narcotraficantes que abastecía de cocaína a todas as provincias galegas.
Este non sería o único rexistro que se levou a cabo nas zonas do Salnés e Pontevedra, aínda que polo momento non transcendeu máis información.
Neste operativo contra o narcotráfico están a participar varias unidades da Benemérita, entre eles, o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Unidade Central Operativa da Garda Civil. Ademais, usáronse cans de rastrexo para localizar droga nos rexistros.